Ollando Compostela dende diversas ópticas
A Rede Galabra publica as obras «A cidade, o camiño e nós» e «Visitar, comerciar e habitar a cidade» nas que se propón unha análise e reflexión sobre Santiago xa que «os discursos sobre a cidade condicionan o tipo de uso que se fai da propia cidade»
Santiago de Compostela – Martes, 4 de maio de 2021
A abordaxe da cidade de Santiago de Compostela dende múltiples ópticas é o eixo que vertebra os dous libros que a Rede Galabra presentou este martes no Colexio San Xerome. O reitor Antonio López acompañou ao director da Rede e decano da Facultade de Filoloxía, Elias J. Torres Feijó, así como á integrante de Galabra, Marisa del Río, na presentación destes dous volumes titulados A cidade, o camiño e nós e Visitar, comerciar e habitar a cidade.
As investigacións desenvolvidas pola Rede e plasmadas nas publicacións que acaban de ver a luz, constatan que a imaxe previa do conxunto de persoas visitantes sobre Compostela está maioritariamente vinculada á súa dimensión xacobea, mentres que a imaxe previa de Galicia vincúlase coa paisaxe, natureza, xeografía e clima. “Existe unha camiñización de Santiago”, explicou Torres Feijó ao salientar que este é un feito de gran relevancia xa que “os discursos sobre a cidade condicionan o tipo de uso que se fai da propia cidade”. Pola súa parte, o reitor salientou a importancia deste tipo de estudos xa que contribúen a “mellorar as condicións de vida da xente”. Nesta mesma liña, a profesora del Río destacou que «é preciso seguir observando» para poder despois intervir na toma de decisións. O estudo evidencia, asemade, que as persoas que chegan a Compostela peregrinando supoñen un 30% do conxunto de visitantes.
Como nos vemos
A Cidade, o Camiño e Nós pretende contribuír a responder diversas preguntas relacionadas con Santiago de Compostela e as súas xentes. «Como somos, como nos vemos, como vemos quen nos visita e como esta xente nos ve», son algunhas das cuestións formuladas segundo explican os integrantes de Galabra. O volume inclúe a síntese das diversas perspectivas manifestadas en oito mesas redondas de representantes da cidadanía. Alén de Torres Feijó e Marisa del Río, son autores do volume Emilio Carral, M. Felisa Rodríguez Prado e Irene Pichel Iglesias.
Transformación
Pola súa parte, Visitar, comerciar e habitar a cidade pretende dar conta das tres exposicións temáticas que, inscritas no proxecto expositivo xeral «A Cidade, o Camiño e Nós», serviron para transmitir á cidadanía de Compostela coa colaboración do Concello, entre outubro de 2019 e xaneiro de 2020, os principais achados en relación ás diversas visións de Santiago e ás diferentes imaxes e prácticas de visitantes, habitantes e comerciantes de Compostela.
«A partir das informacións declaradas polas máis de 3.700 persoas que, respondendo a diversas entrevistas, colaboraron no desenvolvemento desta investigación realizada dentro da Rede Galabra, preséntanse aquí elementos que axudan a identificar os impactos –tanto positivos como negativos– desas imaxes e prácticas na comunidade local”, explicaron os investigadores. Así, ponse o foco en cuestións de relevancia para “conformar opinión informada sobre diversos aspectos da transformación experimentada por Santiago de Compostela nos tempos máis recentes e para pensar a cidade e a comunidade que queremos para o futuro», engaden. Zósimo López Pena, Roberto Samartim, Raquel Bello Vázquez, Carlos Pazos-Justo, Álvaro Iriarte Sanromán e Susana Sotelo Docío son os autores da obra.
Agrupamento internacional
A Rede Galabra é un agrupamento internacional que reúne Grupos Galabra da USC, Universidade do Minho, Federal de Goiás e do Instituto Superior Universitário de Luanda, e persoal investigador de diversas universidades. Esta Rede traballa sobre narrativas, comunidades, territorios e bens simbólicos, nunha perspectiva transdisciplinar, con atención á planificación e transferencia de resultados e combinando investigación cuantitativa e cualitativa.
Os resultados contidos en A cidade, o camiño e nós e Visitar, comerciar e habitar a cidade son froito de dous proxectos de investigación sobre ‘Discursos, imaxes e prácticas culturais sobre Santiago de Compostela como meta dos Camiños de Santiago’ (2012-2016), así como ‘Narrativas, usos e consumos de visitantes como aliados ou ameazas para o benestar da comunidade local: o caso de Santiago de Compostela’ (2018-2021), financiados parcialmente pola Agencia Estatal de Investigación española, con fondos FEDER.
https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/ollando-compostela-diversas-opticas
A Rede Galabra presenta dous libros con novas olladas sobre Santiago
O acto de presentación contou co decano de Filoloxía, o reitor e unha integrante da Rede
Novas ópticas para ver Compostela son as que propoñen os dous libros da Rede Galabra que se presentaron onte en San Xerome. A cidade, o camiño e nós por unha banda e Visitar, comerciar e habitar a cidade pola outra son o resultado das investigacións desenvolvidas pola Rede. Os textos sosteñen que a imaxe da cidade dos visitantes está maioritariamente vinculada á dimensión xacobea, mentres que na imaxe previa de Galicia está a paisaxe, a natureza ou o clima. «Existe unha camiñización de Santiago», explicou Elias Torres Feijó, director da Rede e decano de Filoloxía, quen estivo acompañado na presentación do reitor, Antonio López, e dunha outra integrante da Rede, Marisa del Río.
«Os discursos sobre a cidade condicionan o tipo de uso que se fai da propia cidade», destacou Torres Feijó, algo sobre o que tamén se referiu o reitor, quen dixo que estes estudos contribúen «a mellorar as condicións de vida da xente». Pola súa parte, Marisa del Río indicou que para intervir nas decisións «é preciso seguir observando».