Convócase á cidadanía de Santiago de Compostela para participar no concurso de Fotografía “Como inflúe o Camiño de Santiago na túa vida diaria? A cidadanía (re)pensa o Camiño”, organizado pola Rede Galabra, grupo de investigación da Universidade de Santiago especializado en estudos da cultura, con motivo da exposición “A Cidade, o Camiño e Nós”.
Este proxecto pretende que a cidadanía de Santiago de Compostela reflexione sobre os impactos que o Camiño de Santiago provoca no seu día a día. Para isto será moi interesante responder, por medio de fotografías, a cuestións como:
• ¿Como mudou a vida do teu barrio?
• ¿Como mudaron os locais comerciais de onde vives?
• ¿Como mudaron os espazos onde fas/facías a túa vida?
• ¿Onde ves os impactos negativos: nivel económico, nivel social, nivel ecolóxico?
• ¿Onde ves os impactos positivos: nivel económico, nivel social, nivel ecolóxico?
• Outras mudanzas que aprecies no teu arredor
Bases do Concurso
As persoas que optaren por participar no Concurso “A Cidade, o Camiño e Nós” declaran aceptar as regras que se nomean a continuación e a súa interpretación feita polos organizadores.
Prazo
O prazo para inscribirse estenderase dende o 6 de marzo ata o día 2 de abril de 2020.
Como podo participar?
O rexistro é gratuíto e para realizalo a concursante deberá enviar os seguintes datos:
- Nome:
- Apelidos:
- DNI:
- Enderezo no concello de Santiago de Compostela:
- Correo-E ou teléfono:
- Cúbranse os ítem seguintes tantas veces como fotografías se presentan a concurso:
- Título da Fotografía:
- Nome do ficheiro da imaxe:
- Breve descrición da imaxe (5 a 10 liñas):
- Observacións
e enviala xunto coas fotografías (3 como máximo) ó enderezo de correo electrónico: redegalabra@gmail.com. Os datos incluídos no rexistro non serán utilizados para calquera outra finalidade allea ó concurso.
O concurso está aberto a todas as persoas que habiten no concello de Santiago de Compostela. Estas poderán participar con calquera tema vinculado coa relación existente entre a cidade de Santiago de Compostela e as persoas que a visitan.
Lembra que o importante da túa foto é o que queres dicir con ela e non tanto que estea perfectamente feita.
Formato
Cada participante poderá presentar un máximo de tres imaxes, dixitalizadas e realizadas con calquera equipo: profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil.
A fotografía enviada debe ser orixinal, inédita (non publicada en calquera medio de comunicación, ata dixital) e non presentada a outros concursos. De ser o caso, a persoa autora sería inmediatamente descualificada.
A fotografía virá nun ficheiro, estará acompañada dun título e un breve comentario ou reflexión da persoa autora (de 5 a 10 liñas) que se incluirán na folla de rexistro. Debe estar en formato JPG e ter un tamaño mínimo de 2 MB. Ademais, recoméndase que cada un dos ficheiros non superen os 6 MB. Ningún dos ficheiros enviados debe ter un nome que poida identificar ao participante.
Xurado
O xurado estará composto por
• un membro da Rede Galabra
• un membro da USC
• un experto en fotografía.
Ademais, serán membros do xurado, con voz pero sen voto,
Un membro do equipo de goberno do Exmo. concello de Santiago que actuará como presidente do xurado. O xurado decidirá por maioría as fotografías premiadas segundo os criterios de orixinalidade, mensaxe, estética e adecuación ao tema proposto. Tamén se terá en conta a conciencia social, e a capacidade crítica e comunicativa expresada.
Premios
Os 3 premios outorgados constarán dun lote de libros seleccionados relacionados coa imaxe de Santiago de Compostela.
O xurado resérvase o dereito de asignar ata 3 Mencións de Honra.
Un mesmo participante soamente poderá acadar un premio ou Mención de Honra
Gañadores
Os participantes gañadores serán notificados deste feito por medio do contacto indicado no correo que enviou ao enderezo redegalabra@gmail.com.
Os autores cuxas fotografías foran elixidas entre as 3 gañadoras, deberán asistir ao acto de entrega do premio o día 16 de abril en Santiago de Compostela.
Exposición e Licenzas
As fotografías presentadas e seleccionadas poderán ser impresas e expostas ou proxectadas polos organizadores do concurso nunha exposición dentro do contexto académico no que traballa o grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela Galabra. Esta actividade terá a máis ampla difusión posible a través das canles habituais.
Os participantes expresan o seu acordo de que as fotografías enviadas podan ser utilizadas polos organizadores, patrocinadores ou colaboradores con efectos culturais ou sociais, sen incorrer en ningún pagamento ou compensación algunha.
Santiago de Compostela a 04 de Marzo de 2020.