Pular para o conteúdo Ir para o rodapé
Altri na Ulloa | Fonte: ADEGA

Altri na Ulloa: Colonialismo e Corrupción Social

Na actual proposta de implantación da celulosa Altri na Ulloa cabe, minimamente, reflexionar sobre tres aspectos básicos: (1) o modelo de produción, (2) a contaminación ambiental e (3) o impacto sobre o sector primario e terciario.

1. En relación ao modelo de produción, é evidente que Altri, produtora de pasta de celulosa, non pecha o ciclo produtivo. Implántase para producir o primeiro ciclo e máis contaminante do proceso, que é a produción de pasta secada ao ar libre. Non hai transformación da mesma, non hai final do ciclo. Semellante industria, que pide unha elevada subvención pública, debería estar obrigada á transformación da pasta, por exemplo, papel “tisú”… da marca “UlloaparaKú”, que nos podería facer populares en millóns de escusados.  Tamén falamos de 250 postos de traballo, mais de que calidade? Que porcentaxe van cobrar máis do que o salario mínimo? Non existe ningunha previsión de valor engadido tecnolóxico e social en todo o proceso de transformación, pois a tecnoloxía utilizada non é propia. Ao non pechar o ciclo, a pasta ten que ser transportada a outro centro de transformación, eliminando calquera opción de desenvolvemento tecnolóxico asociado a obtención dun ben de consumo final, e implicando aumento da pegada ambiental polo transporte da materia prima.

2. Seguindo co aspecto ambiental, prestemos atención, como indicador, á produción de millóns de litros de auga residual. O vertido de augas tratadas debe cumprir, entre outros, un requisito básico: unha baixa relación entre  volume vertido/volume receptor (auga do río),  para que o impacto sobre o sistema fluvial sexa aceptábel. Que vai pasar entre os meses de maio-setembro, cando o río leve moi pouco caudal? A fábrica vai diminuír a produción para rebaixar o volume de auga residual  e así cumprir a relación antedita? Ou simplemente aumentará o pago por canon/autorización de vertido, agravándose negativamente a calidade da auga? Cal será a medida a aplicar? Grande enigma!

3. É lóxico que unha industria que consume millóns de toneladas de eucalipto busque ter o seu subministro o máis perto posíbel: mandato económico e ambiental. Sendo así, a presión indirecta, mais real,  sobre a Comarca da Ulloa e arredores será evidente. A maioría do territorio será ocupado para  produción de eucalipto, e seguramente con axudas oficiais. Debemos reflexionar,  “y con unhas cañas”, que estamos nunha sociedade libre, nun mercado libre e, por tanto, plantará eucalipto quen queira. Ninguén obriga. Se realmente o “asunto” funciona así, porque se quere impor a expropiación dos terreos? Deixemos que o libre mercado funcione, e quen queira vender as súas tenzas á pasteira que venda, e quen non, non. A previsión é a desaparición do sector primario substituído por unha produción forestal absentista. Porque para ser propietaria de terreos de eucalipto e para producilo non se necesita vivir na Comarca, nin sequera en Europa. Estamos ante a  desaparición da Comunidade Local. Do impacto sobre o turismo non fai falta falar: unicamente resta fomentar os paseos baixo eucaliptais como produto biocultural alternativo e saudábel…

O que se quere é que aceptemos a imposición  dun único deseño produtivo que non ten presentes as relacións de produción actuais (agro-gandeira, turismo rural), senón que deseña unha única relación de produción que a Comunidade local debe aceptar e realizar. Con 250 millóns de euros poderíase financiar a fondo perdido 333 novas explotacións agrarias durante 25 anos con 30.000 euros/ano. Tiren da calculadora, por favor (fican 250.000 € para “cañas” nun rural vivo). Outra alternativa pode ser o apoio ao desenvolvemento de  industria transformadora do leite ou de outros produtos. Somos deficitarios en cereal nunha comarca con grande tradición de fornos de pan. Como aumentarían os servizos asociados ao traballo agro-gandeiro? E as relacións comunitarias? E o atractivo dos produtos locais para o turismo? Temos denominación/Indicación Xeográfica Protexida para queixo e pan.

Todo o descrito anteriormente axústase ao paradigma dos procesos de colonización: é a ocupación e a explotación dos recursos dun territorio por un grupo de interese alleo á Comunidade Local, e favorecido polo deseño  de normativas  e regulacións administrativas “ad hoc”, deixando a menor riqueza posíbel no territorio explotado.

Como coda, cabe sinalar que o premio Príncipe de Asturias 2002, Hans Magnus Enzensberger, falaba da corrupción social, algo así como aquel proceso de deseño de estratexias político-administrativas que levan á destrución dos recursos ambientais dun país, prexudicando a preservación de ditos recursos, e das Comunidades Locais  que dependen dos mesmos. Neste caso, procuremos un final en que a auga continúe correndo limpa no Río, nas fontes e na Ría, e o ar zoe sen cheiros entre  a herba, as verzas e o pan.

Emilio V. Carral Vilariño

Grupo Galabra
Profesor Titular da Universidade de Santiago de Compostela
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría
Campus Terra – Lugo
Imagem: adega.gal